Sete mapas para entender as eleccións en Portugal

1. Un país, dous bloques electorais

Neste gráfico queda patente a división electoral que existe en Portugal: norte e centro territorio da dereita e sur da esquerda. A coalición formada por PSD e CDS-PPD gañaron en distritos clave polo número de deputados que se elixen, como Lisboa, Porto, Braga ou Aveiro mentres que PS faise co primeiro posto no sur e reconquista catro anos despois as Açores. Nalgúns distritos do sur, como Beja, a coalición de dereita pasa a ocupar o terceiro posto, por debaixo da CDU, a alianza entre comunistas e verdes.

2. A dereita, cun bastión no norte

A coalición de dereitas conformada entre PSD y CDS-PP, Portugal à Frente (PáF) obtivo, como vén sendo habitual, os seus mellores resultados nos distritos do norte do país. En Vila Real ou Viseu foi onde máis apoio logrou, pasando do 50% dos votos. Preto deste rexistro quedou en Bragança (49,41%) ou Leiría (48,42%). No sur, nas provincias onde o Partido Socialista (PS) e os comunistas tiveron históricamente un maior apoio popular, a coalición de dereita obtén os seus peores resultados.

3. Mellora insuficiente do Partido Socialista
Pese a aumentar en votos e mellorar a porcentaxe de apoios recibida con respecto a 2011, o resultado do Partido Socialista ficou lonxe do agardado pola dirección da formación. Non foi quen de recuperar o primeiro posto como lista máis votada fronte a PáF e grande parte do voto de esquerda foi apañado polo Bloco de Esquerda. Boas novas? A reconquista das Illas Açores e o mantemento como primeira forza nos distritos do sur. Os mellores porcentaxes de voto os obtén nos distritos orientais de Portugal, os menos desenvolvidos e poboados do país. En Lisboa, a piques estiveron de empatar coa dereita, coa que quedaron a menos de un punto porcentual de distancia.
 

4.A resurrección do Bloco de Esquerda
A grande sorpresa da xornada foi o Bloco de Esquerda. Despois de ter perdido a metade dos deputados en 2011 e de ter enfrentado unha crise de liderazgo, os rumores sobre a desaparición final do Bloco borráronse do mapa tras estas eleccións. As enquisas pronosticaran unha mellora dos seus resultados a medida que foi avanzando a campaña pero ningunha predeciu que superaría á coalición formada entre Partido Comunista de Portugal e Verdes, condenados, dacordo cos datos dos últimos anos, a moverse en porcentaxes de entre o 7 e o 10%. O Bloco logrou un bo resultado no sur, territorio tradicional da esquerda, pero tamén obtivo boas porcentaxes de apoio en zonas máis urbanas, como Porto, Faro, Setúbal ou Lisboa. Son os mellores resultados da súa histórica.

5. Os comunistas e a dependencia do sur
A Coligação Democrática Unitária (CDU), alianza entre Partido Comunista Portugués e Verdes, demostrou nestas eleccións unha tendencia que se viña reflectindo en pasados comicios: a súa fortaleza nos distritos do sur e a súa práctica irrelevancia no norte, especialmente no Portugal oriental. O 24% ou 21% de apoios que rexistra en distritos como Beja ou Évora contrasta co 2,95% de Vila Real ou o 5% de Braga. Como o PS, os comunistas lograron un lixeiro aumento con respecto aos anteriores comicios, aínda que perderon a súa posición como principal forza á esquerda do PS, ao ser superados polo Bloco de Esquerda. Nesta campaña, os comunistas foron a única das grandes formacións que defenderon no seu programa a saída de Portugal do Euro.

6. A sorpresa de última hora: Pessoas-Animais-Natureza
Ningunha enquisa, tampouco as que se deron a coñecer despois de pechar os colexios eleitorais, prevía a entrada de Pessoas-Animais-Natureza (PAN) no Parlamento. Finalmente logrouno cun deputado por Lisboa. En conxunto, a formación obtivo uns resultados marxinais no país, mais a concentración de voto no distrito da capital, onde tivo máis de 22.500 apoios (1,39%), otorgoulle unha praza na Assembleia da República a André Lourenço e Silva. Esta formación superou a Livre/Tempor de Avançar, a candidatura de esquerdas liderada por Rui Tavares que aínda que segundo algún inquérito a pe de urna, como o da RTP, si entraria na Cámara Lexislativa, finalmente ficou lonxe de obter representación.


7. Abstención, lixeiro aumento.
Portugal afrontaba estas eleccións co obxectivo de gañar a batalla á abstención pero non foi posible. A falta de contar os votos do exterior, a participación total pasou do 58,92% de 2011 ao 56,93% deste anos. Na meirande parte dos distritos caeu a porcentaxe de cidadáns que exerceron o seu dereito a voto, con excepción dalgunha rexión como Beja ou Setúbal, tradicionalmente de esquerda. Destaca a caída da participación no norte, onde se encontran os graneiros de voto tradicionais da dereita.

*Nos mapas, os votos que en Madeira e Açores se refiren a Portugal à Frente teñen que ver só co PSD, xa que neses dous territorios autónomos non houbo coalición e o CDS-PP concurriu por separado ou aliado con outras formacións minoritarias. Con todo, os deputados do PSD alí elixidos responderán á disciplica de PàF.

Facer (un pouco) entretido o aburrido

Na prensa local, polo menos na galega e española, temos o mal costume de, en moitas ocasións, aburrir ao lector con informacións cheas de cifras e porcentaxes, incrementos e descensos de variables que só convirten a noticia nun real peñazo de imposible lectura. Se callar non había outra alternativa nos tempos do papel, onde a limitación do soporte e a falta de tempo e recursos para facer complexos gráficos en informacións sen moita trascendencia non deixaba outra que convertir o texto nesa aburrida sucesión de cifras que fan ao lector pasar de páxina. Porén, as ferramentas (gratuitas moitas delas) que atopamos hoxe en internet ofrécennos un leque máis amplo de posibilidades. Experimentei algo recentemente na Opinión da Coruña con esta información sobre as incidencias nas praias coruñesas durante os meses de verán.

Típico tema de fin da etapa estival, que se repite todos os anos pero que tiña tantas posibilidades de atraer a atención do público como unha pataca (ou aínda menos). Como innovar? Pois cunha visualización simple, feita con Tableau (é gratuíto) en cousa de 15 minutos, e coa que puiden ofrecer todos os datos cos que contaba sobre un tema tan simple coma este, que non podería ter incluído no texto tan en detalle. Gráfico mellorable? Por suposto. Pero é a proba de que é moito máis doado do que parece facer informacións que, sen perder rigorosidade, fan dos datos algo máis entretido. Non aburrir aos lectores, ou aburrilos menos, ben o merece.

Obras: canto, onde, como e a quen?

Recentemente publiquei en La Opinión de A Coruña un par de informacións sobre as obras levadas a cabo polo Concello desde maio de 2011 a maio de 2015. O acceso á información foi posible grazas a unha memoria publicada polo anterior Goberno local xusto despois das eleccións do 24-M. Non estaría mal que de agora en diante o novo equipo municipal apostase por unha maior transparencia coas contas e por crear espazos dixitais onde calquera cidadán, dun xeito sinxelo, puidese acceder a todos os gastos do Concello, por pequenos que fosen. Tampouco estaría mal que se abandonasen os formatos de PDF para facilitar o acceso a informacións que nun documento de Excel fanse moito máis doadas de manexar e analizar. Aos xornalistas facilitaríannos moito o traballo.

O gráfico que segue recolle as empresas que saíron beneficiadas polos contratos municipais así como todas as obras co seu importe en euros. A concentracion nun par de empresas aínda é importante, pero está lonxe das cifras de outros mandatos, onde o xogo dos investimentos en obras estivera moito menos repartido. A información máis desenvolvida, neste artigo.

Aínda que algunhas das obras non contaban co prezo final, a maior parte delas reflexaban a cantidade do orzamento de licitación e do de execución, permitindo coñecer os sobrecustes. A cifra non é moi alta, apenas 1,7 millóns de euros, pero neste gráfico que fixen pódense ver tanto as obras que custaron máis do previsto como aquelas nas que se aforrou algo.

A irrupción da Marea Atlántica en seis gráficos

Este venres coñecéronse os resultados finais das eleccións municipais do domingo na Coruña, logo de que a Xunta Electoral resolvese as reclamacións presentadas polos partidos a algunhas papeletas que no reconto foran consideradas nulas. Finalmente, o PP convertiuse en primeira forza, con só 28 votos máis que a Marea Atlántica, o que lle dá unha victoria pola mínima que pouco muda, tendo en conta que o número de concelleiros non varía e que o PSOE xa comprometeu o seu voto para que non goberne Negreira catro anos máis. A verdadeira noticia deste proceso é a Marea Atlántica, unha candidatura que con dez meses de vida logrou un empate técnico co PP, dando o sorpasso pola esquerda ao PSOE  e situándose en posición de gobernar. Os seguintes gráficos pretenden amosar algunhas curiosidades dun resultado sen precedentes na historia democrática da Coruña.

 

1) Concello e Deputación, pactos necesarios

  Así quedan os dous organismos con representación onde entra a Marea Atlántica. No Concello, a maioría absoluta do PP convírtese en maioría de forzas de esquerda e o bipartidismo PP-PSOE desaparece por primeira vez. Se a Marea -tal e como está previsto- pasa a dirixir o Goberno local, terá que gobernar en minoría, apoiándose no PSOE ou BNG para acordos puntuais. Contra todo pronóstico, tamén perderá o PP a Deputación, que queda moi fragmentada coa entrada de 3 representantes da Marea, 1 de Compostela Aberta e 1 de Alternativa dos Veciños.  

2) Patada histórica no taboleiro municipal  

O gráfico amosa a evolución electoral dos principais partidos nos últimos procesos electorais municipais. Desde 1999, o PSOE vive un proceso de caída continuo que o levou a perder este 2015 a súa posición como principal referencia do electorado de esquerdas e a colleitar os seus peores resultados da democracia. Tamén o BNG afonda na crise que iniciou en 2003, volvendo a cifras de voto inferiores ás de 1995. O empate técnico entre Marea e PP fai voltar aos conservadores a números similares, aínda que inferiores, aos de 2007.

3) Bipartidismo costa abaixo

O gráfico amosa a contina perda de peso do bipartidismo nos procesos municipais da cidade desde hai 25 anos. Con excepción de 2011, onde ao igual que aconteceu no resto do Estado o electorado respondeu ao primeiros anos da crise reforzando as posicións dos dous grandes partidos baixo as chamadas á “estabilidade”, cada proceso supuxo unha perda do apoio popular a PP e PSOE que se acentuou o pasado domingo. O bipartidismo, pese a todo, está ferido pero non morto e todavía acumula case o 50% dos votos nas municipais.

4) O que as enquisas non souberon ver

Aínda que non na mesma medida do que aconteceu no Reino Unido, estas eleccións municipais serviron para aumentar o escepticismo de cara ás enquisas en futuros procesos. A diferenza do que se adoita pensar, non houbo este domingo electorado oculto do PP, ese que non reflexan os inquéritos pero que ao final vai votar. Todas as enquisas outorgaban a PP e Ciudadanos un apoio bastante superior ao que finalmente recibiron e tamén todas subestimaron o voto á Marea Atlántica. Só o último tracking da Facultade de Socioloxía e os catro últimos de Sondaxe pronosticaron o sorpasso da Marea ao PSOE, aínda que ningún reflexaba unha caída tan importante do PP e a irrelevancia de Ciudadanos, que quedou fóra de María Pita. A enquisa que menos se achegou aos resultados finais foi a elaborada por Ipsos, para La Opinión de A Coruña.

5) Cambio nos barrios

Fai click no interactivo

A victoria da Marea Atlántica tamén deixou pegada en sete dos dez distritos en que se divide a cidade. Se o PP gañou en 2011 en todos os barrios da Coruña, nestas eleccións só se mantivo como a forza máis votada nos seus dous feudos tradicionais, Cidade Vella-Pescadería e Ensanche-Catro Camiños, e, por unha distancia pequena, na Agra do Orzán. A Marea gañou no resto, sacando especial distancia do PP en barrios populares como Monte Alto e Novo Mesoiro e arrebatando aos conservadores despois de moitos anos o dominio en zonas como Riazor-Os Rosales, onde Negreira se impuxera en 2011 e 2007. É interesante ver como o poder adquisitivo inflúe na orientación do voto e como os barrios de ricos apoian maioritariamente ao PP mentres que nos máis humildes o voto oriéntase ás forzas da esquerda.

6) Onde máis se vota

As eleccións municipais na Coruña tamén son mostra dunha tendencia común a outras cidades do Estado: os barrios populares son os que menos votan. No caso da Coruña, a única excepción a esta norma é Monte Alto, tradicionalmente de esquerdas e mobilizado nos procesos electorais, que o pasado domingo rexistrou un 67% de participación, a máis alta da cidade. A el, séguenlle feudos tradicionais do PP como o Ensanche ou Cidade Vella. Porén, os índices máis baixos se rexistran en zonas como Mesoiro, Agra do Orzán ou Os Mallos-Sagrada Familia, onde non chegan a votar nin seis de cada dez censados.

 

 

Municipais 2015 A Coruña: evolución de enquisas

Estas eleccións municipais de 2015 están a ser na Coruña bastante prolíficas en canto a enquisas. O tracking semanal de Radio Coruña e o diario de Sondaxe xa nos permiten ter, a falta de seis días para a xornada de votación, un interesante mapa sobre a evolución de voto. Veremos se, chegado a día das eleccións, algunha se achega ao sentir dos votantes ou rematan por ser un completo fracaso, como aconteceu nas últimas eleccións do Reino Unido.

O gráfico amosa as enquisa publicadas até o momento por Sondaxe (para La Voz de Galicia), Ipsos (para La Opinión de A Coruña) e a facultade de Socioloxía (para Radio Coruña-Cadena Ser). Entre elas amósanse diferentes tendencias, aínda que ambas comparten un progresivo aumento da porcentaxe de voto a Marea Atlántica e, en menor medida, ao PP. A data de cada sondeo recollido correspóndese co día de publicación da enquisa e non de elaboración. No caso da enquisa de La Opinión, por exemplo, é importante saber que foi publicada este domingo pero elaborada antes do martes 12 de maio, día da visita de Pablo Iglesias á Coruña para respaldar á Marea Atlántica. Refírome a esta data porque tanto Sondaxe como o estudo de Socioloxía amosan como o acto en Palexco supuxo un punto de inflexión que mellorou a tendencia da Marea.

Á hora de repartir os concelleiros, todas amosan como o equilibrio de forzas vai andar bailando entre a esquerda e a dereita. As enquisas confirman que ninguén terá maioría absoluta pero a dúbida está en se o binomio PP-Ciudadanos logrará os 14 concelleiros necesarios para dar luz verde a un novo goberno que tería como alcalde a Carlos Negreira ou se se se podería dar un cambio de cor en María Pita cos apoios de Marea Atlántica, PSOE e BNG.

Unión Coruñesa non aparece no gráfico xa que moitas enquisas non amosaban a porcentaxe de voto recibida (incluíndo a esta forza en Outros), se ben as que o fan outórganlle maioritariamente porcentaxes superiores ao 4% e próximas ao 5% necesario para obter edil. Tampouco incluín no gráfico a proxección elaborada para a Marea Atlántica polo consultor Carlos Neira, da que se fixo eco La Opinión, que outorgaba ao PP un total de 9 concelleiros e un 30% dos votos e á Marea 7 edís e un 23% dos votos.

Desiguais, tamén na política

Segundo o Banco Mundial, as mulleres representan en torno ao 49,5% da poboación do planeta. Porén, botando unha ollada rápida á composición dos Parlamentos do mundo, comprobamos que rara é a cámara na que as deputadas de xénero feminino superen un 40% do total.

Como se pode ver, só hai un país con máis representantes mulleres que homes: Ruanda. Alá, un 66 dos integrantes do Parlamento son deputadas, un dato curioso se se ten en conta os resultados dos países africanos da súa contorna. Este curioso fenómeno dáse 20 anos despois do xenocidio que viviu o país aínda que, como contan nesta reportaxe de The Guardian, Ruanda dista moito de ser un paraíso de igualdade real e alí os absusos e as violacións continúan estando á orde do día. Contra a idea que se adoita ter de España como un país machista, o certo é que, no que á representación política se refire, a participación das mulleres na Cámara é a cuarta máis alta da Unión Europea, só por detrás de Suecia, Finlandia e Bélxica. Hai outros datos curiosos. Por exemplo, o Brasil, a pesar de estar presidido por unha muller, conta cun Parlamento no que o 91% dos seus membros son homes, sendo un dos países peor parados do planeta. Tamén en Irlanda, os datos distan moito da media de países europeos, ao contar só cun 16% de deputadas.

E dentro do Estado español, como queda Galicia? Pois non moi ben. Trala súa última renovación en 2012, e logo do cambio dalgún deputado, só un 36% das representantes cidadáns son mulleres, o terceiro máis desigual de entre todas as autonomías.

A tendencia xeral, porén, segue a ser a mesma na meirande parte do Estado. Coa excepción do Parlamento de Castela e León, o resto de cámaras ten unha representación de homes sobreproporcionada con relación á poboación.

A falta duns meses para que se renoven os Concellos, en Galicia, cidades como A Coruña ou Ourense amosan un maior equilibrio entre homes e mulleres, fronte a outras como Vigo, onde a presenza de homes é moito maior.En igualdade, tamén na política, queda traballo por facer.

Podemos en Galicia: un fenómeno urbano

Podemos acaba de iniciar o seu proceso para a elección das direccións locais (o que chaman Consellos Cidadáns) e con el veñen de facer pública a listaxe de inscritos con que contan en todos e cada un dos municipios do Estado español. Un exercicio de transparencia que, xunto co das súas contas, é de agradecer. Aproveitando esta información, pódese comprobar fácilmente algo que xa reflexaban os resultados electorais das últimas eleccións europeas: a forza de Podemos en Galicia reside nas principais cidades e nas áreas metropolitanas.

Número de inscritos en Podemos

O gráfico superior representa o número de inscritos nos 30 municipios de Galicia con maior presenza de afiliados de Podemos. Lóxicamente, Vigo e A Coruña, as cidades máis populosas, son as que achegan o maior continxente de inscritos, con 2251 e 1961, respectivamente. Porén, nesta ocasión tentei comprobar se se dan casos en que os membros de Podemos, pese a non ser relevantes en termos absolutos, o son en termos relativos. É dicir, concellos pequenos onde o peso dos integrantes de Podemos sexa en proporción maior ao de outros municipios máis grandes. E o resultado é lixeiramente diferente ao do gráfico anterior.

inscritos_de_podemos_por_cada_500_habitantes

(Fai click na imaxe para acceder ao gráfico interactivo)

Curiosamente, o concello de Galicia con maior peso relativo dos afiliados de Podemos é Mondariz-Balneario (Pontevedra). Só conta con 6 membros pero cun censo que non chega aos 800 habitantes fai que, en proporción, se atope por riba da Coruña ou Vigo. Nas grandes cidades tamén se ven cambios. A terceira máis populosa, Ourense, non se atopa nos primeiros postos deste ránking mentres que Santiago ascende. Terá algo que ver o feito de ser a cidade politizada por excelencia do país? Outro municipio curioso que sae á palestra ao calcular o peso dos membros de Podemos é Negueira de Muñiz. Son só dous os seguidores declarados pero, como será predicar a palabra de Pablo Iglesias nun concello da montaña de Lugo con só 276 habitantes? Daría para unha reportaxe.

No mapa que segue, represéntanse en tons máis oscuros aqueles municipios que contan con maior peso dos integrantes de Podemos, en proporción coa súa poboación, e en claro os que menos.

O déficit de ingresos do que fala Pablo Iglesias

Unhas das ideas na que insiste o líder de Podemos, Pablo Iglesias, é que os ingresos do Estado español vía impostos son moi inferiores á media dos países do noso entorno europeo. Para ser honestos, é unha crítica formulada desde hai anos por outras formacións coma o BNG, Izquierda Unida ou Bildu, pero que realmente non se puxera tanto como até agora sobre a mesa do debate mediático. A idea choca con dous dogmas moi estendidos: que no Estado existe unha recadación fiscal moi elevada e que en caso de querer a administración pública obter máis recursos da actividade privada provocarase unha especie de parálise económica que só agravará os problemas. Os datos, porén, indican que isto non é certo ou que, como mínimo, non ten por que ser necesariamente así.

Mapa Europa déficit ingresos

(Fai click para acceder ao interactivo)

O gráfico superior, elaborado a partir de datos do Eurostat, mostra a porcentaxe do PIB que representan os ingresos de cada Estado europeo, incluíndo as administracións locais, autonómicas ou rexionais e os gobernos centrais. Os ingresos que manexa a Administracón Pública en España supoñen un 37,50% do PIB estatal, é dicir, a 7ª da Unión Europea que menos uso fai da riqueza que produce a súa economía, só por riba de Romanía, Lituania, Letonia, Irlanda, Chipre e Bulgaria. Lonxe quedan outros países máis comparables coa nosa realidade como Dinamarca, cunha Administración que manexa uns ingresos equivalentes a un 55,90% do seu PIB, Francia (53%), Bélxica (51,5%), Portugal (45,2%) ou Alemaña (44,5%).

grafico ingresos

Aínda que os ingresos dunha administración non son o mesmo que o que se recada mediante impostos, si que é certo que a vía impositiva é a principal fonte de recursos dos gobernos e, niso, España semella ter aínda marxe para aumentar a súa recadación, aínda que sexa difícil cuantificar canto millóns de euros se ingresarían. Outro debate será se a presión que o actual sistema tributario español exerce sobre traballadores, autónomos e pequenas empresas é igual ou superior ao de países do noso entorno ou se as grandes fortunas e grandes empresas españolas achegan menos do que deberan ás arcas públicas, ao lucrárense de centos de desgravacións e saídas doadas á tributación en paraísos fiscais. Intentarei abordar algo disto en futuros artigos.

Como vai gastar os cartos o Concello da Coruña?

A pasada semana, tiven a oportunidade de publicar en La Opinión de A Coruña unha primeira visualización sobre o reparto por áreas do Orzamento municipal da cidade para 2015. O resultado en canto a visitas non foi malo e a infografía vai na liña estratéxica de tentar enriquecer os contidos da web. Ferramentas deste tipo axudan a facer comprensibles a simple vista informacións máis farragosas e a dar a coñecer dun vistazo as prioridades de gasto dun Executivo, así como os cambios con respecto a anos anteriores.

 

Como se pode ver no interactivo, unha das partidas que máis se incrementa é a de Urbanismo. O motivo, en grande parte, son as inversións realizadas para a construcción do túnel da Mariña, a polémica obra que pretende soterrar o tráfico na zona para comezos de 2015, deixando a superficie para desfrute peatonal e terrazas de hostelería. Pola contra, unha das partidas que máis caeu foi a distinada ao Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE), a través do cal se xestionan a festas da cidade. Segundo a oposición, a caída dun 20% do financiamento desta área supón o recoñecemento por parte do Concello dunha das principais críticas feitas ao Goberno local ao longo desta lexislatura: o, a xuízo da oposición, excesivo gasto en festas.

O outro legado de Emilio Botín

A morte de Emilio Botín trouxo consigo esta semana unha chea de loubanzas por parte de políticos, empresarios e opinadores dos grandes medios sobre o que foi cara visible do Banco Santander desde hai décadas. Un relato no que non adoita haber espazos para a crítica, algo lóxico se se ten en conta que o seu banco era un importante accionista de importantes grupos de comunicación españois, como Prisa.

Sen intención de simplificar o que foi a súa xestión á fronte dun dos bancos máis importantes do mundo, hai unha serie de datos, non tan positivos pero importantes, que non se mencionan cando se fala da súa traxectoria como banqueiro. Un destes aspectos é o da opacidade financeira, é dicir, a súa relación cos paraísos fiscais.

Filiais_do_Banco_Santander_en_paraisos_fiscais_2012

Fai click no gráfico para acceder ao interactivo

Emilio Botín deixa un Banco Santander con 79 filiais en paraísos fiscais a través dos que fuxe parte da riqueza de grandes empresas e grandes fortunas do Estado español. A OBRSC toma como referencia para os seus informes a listaxe de paraísos fiscais da Eurocámara e Tax Justice Network, máis amplas que a relación que fai habitualmente a OCDE. O banco Santander é así, xunto co BBVA e Repsol, unha das empresas con máis filiais deste tipo dentro do IBEX 35. Mais, cantos activos xestiona nestes países? Vémolo aquí.

Xestion_de_activos_e_depositos_para_non_residentes_

Fai click no gráfico para acceder ao interactivo

O estudio de TJN tivo como novidade o feito de que relacionou as estatísticas do Banco Internacional de Pagos, o FMI e o Banco Mundial con información, analizada por expertos do sector, extraída da banca privada, a vía central pola que o diñeiro circula até os paraísos fiscais, na maior parte das veces a través de mecanismos legais maquillados co nome de “optimización fiscal”. O informe de TJN inclúe unha listaxe dos 50 principais bancos do mundo (gráfico superior) relacionados coa variable dos activos de non residentes, un bo punto de orientación para coñecer o vencello de cada entidade cos paraísos fiscais.  Para facerse unha idea do impacto, TJN estima que a través deste tipo de mecanismos legais en España se deixan de tributar un total de 550.000 millóns de euros.

Ademais de polos paraísos fiscais, ao Banco Santander vese cada ano sacudido pola polémica das súas importantes inversións na industria armamentística a través da participación accionarial, fondos de investimento, concesión de créditos ou compra de bonos de débeda a compañías do sector. A iniciativa Banca Armada é unha das que máis denunciou nos últimos anos este tipo de investimentos, chegando ao mesmo corazón do banco: a asemblea de accionistas do Santander. Non é doado acceder aos investimentos das entidades financeiras, mais o centro Delàs recolleu algunha información relacionando empresas con filiais e accionistas.

Investimento_en_armas_

Fai click no gráfico para acceder ao interactivo

Desde as entidades bancarias adoitan argumentar que todos os investimentos realizados atópanse no marco da legalidade. Porén, non semella moi ético nin exemplarizante financiar unha industria interesada, en moitos casos, na creación de conflictos e na morte.

© 2017 olloaodato

Theme by Anders NorenUp ↑